Este non é o final

Miña querida Sherezade, eu sei que pensas que este é o noso final.

Levamos xuntos un centenar de anos e ti es demasiado intelixente para que eu poida enganarte: ben sabes que estou demasiado vello. Por iso, nos últimos tempos decidiches esconderte nalgún lugar das miñas páxinas que eu mesmo descoñezo. Non queres ver como imos morrendo lentamente, abandonados aquí, neste estante metálico do almacén dunha librería de segunda man. Vai moito frío e estamos lonxe de todos os que algunha vez nos quixeron. Ti pensas que todo está perdido e estás triste. Eu tamén sinto unha dor profunda, pero non debo demostrala. Os libros vellos coma min non podemos chorar porque ao facelo amarelecemos as nosas páxinas.

Por iso xa non sei que facer. Estraño moito a túa voz narrando esas marabillosas historias que tan ben coñeces. Miña querida Sherezade, pasamos tanto tempo xuntos e vivimos tantas aventuras que non podo crer que vaias renderte agora. A túa ausencia atravésame por enteiro: desde as capas ata o corazón.

Sherezade entre libros
A última vez que te vin dixéchesme:

—Meu querido amigo, estou xa moi cansa. Hai demasiado tempo que ninguén le as miñas historias e iso estame roubando aos poucos a vida.

—Non penses así —respondín eu—. Un día destes un lector abrirá as miñas páxinas e todo volverá ser como antes.

—Non, iso xa non vai pasar. E ti xa sabes o que lles ocorre aos libros que ninguén le. Este é o final.

Nada máis dicir estas palabras, desapareciches.

Eu ben sei o que lle espera a un libro non lido: a morte. Os libros precisamos que alguén nos lea para poder vivir. Cando un lector abre o meu corpo de papel provoca unha revolución dentro do meu ser. Os personaxes que vagaban libres entre as páxinas regresan aos seus postos; os palacios e os xardíns recobran o seu esplendor.

Andrea Maceiras, Miña querida Sherezade, Baía Edicións, 2014.

1.Contesta estas cuestións sobre o texto «Este non é o final».

Que tipo de texto é e en que persoa está redactado? A que xénero pertence?
Que lles pasa aos libros que non se len?
Por que amarelecen as follas dos libros vellos?
Dá un exemplo de suxeito e outro de predicado, tirados do texto.

Respuesta :

Otras preguntas